T O P I C R E V I E W |
felix |
Posted - 20/04/2008 : 11:29:45 Cambiar a tarifa nocturna logo de xullo pode custar ata 200 euros A Xunta pedirá ao ministro Sebastián que reduza o prezo dos novos contratos de horario discriminado
Os instaladores advirten que as eléctricas non están obrigadas a modificar os equipos gratis a partir desa data -------------------------------------------------------------
A menos de tres meses para a desaparición da tarifa nocturna, pouco máis de 5.000 galegos, dos preto de 180.000 contratos desta modalidade subscritos na comunidade autónoma, optaron por pasarse de forma voluntaria á nova modalidade de discriminación horaria. Onte, a patronal dos instaladores de equipos eléctricos advertiu do risco de que a maioría dos galegos non haxan migrado voluntariamente ao novo sistema. A disposición adicional transitoria do real decreto 871/2007 do 15 de Febreiro do 2008 obrigou ás subministradoras eléctricas a non cobrar pola necesaria actualización da potencia (que co horario discriminado aumenta en relación coa situación actual). Pero estes custos, cifrados entre os 150 e os 200 euros, poderían cobrarse a partir do 1 de xullo. «Parece unha pequena trampa -comentaron os portavoces de Instalectra-, porque ao coincidir co verán non se notará a necesidade de contratar máis potencia. Pero si haberá que facelo ao empregar a calefacción, e entón si que haberá que afrontar todos os gastos». Fontes de Unión Fenosa confirmaron onte que a compañía xa ten tomada a decisión de continuar sen cobrarlle ao usuario os dereitos de acceso despois do 1 de xullo, e limitarase a cobrar as actualizacións de potencia. O conxunto de gastos inclúen unha cota de extensión, dereitos de acceso, actualización do depósito de garantía e as actuacións no equipo de medida. En total, algo máis de 30 euros por cada quilovatio incrementado. Á marxe destes custos, os usuarios de calefacción por acumulación veranse obrigados a adaptar os seus equipos, o que lles suporá outro desembolso de polo menos 300 euros. Estas adaptacións resultan imprescindibles para non disparar o recibo da luz, que no peor dos casos podería incrementarse ata nun 49%, mentres que aplicando as medidas oportunas a subida debería equilibrarse entre o 5 e o 10%. Estas modificacións, segundo os instaladores, pasan por cambiar as resistencias dos acumuladores, instalar un dobre circuíto para repartir a carga, ou comprar e adaptar autómatas. E é que o novo contrato de discriminación horaria aplica máis horas vale (14 fronte ás 8 da tarifa nocturna) a cambio dun menor desconto (47% fronte ao 55% da actual tarifa nocturna). Pero tamén carga un sobreprezo en horario punta (35% fronte ao 3% da actual tarifa nocturna). Onte, a Consellería de Industria confirmou a súa intención de reabrir a negociación co novo ministro de Industria, Miguel Sebastián, para estudar posibles reducións da tarifa. En Madrid, fontes da secretaría xeral de Industria admitiron que xa está elaborado un informe sobre a posibilidade de reducir a penalización do consumo nas horas punta (35%), pero a decisión «corresponderá aos novos responsables». As protestas galegas contra a desaparición da tarifa nocturna tiveron eco en todo o país. A comunidade de Castela- A Mancha tamén elevou unha queixa ao ministerio, acompañada por protestas de 50 concellos. O mesmo sucedeu en Madrid. En toda España hai un millón de familias con tarifa nocturna. Galicia ten case un 20% deste mercado e é a rexión máis «afectada» por este cambio tarifario.
Autor: Miguel Á. Rodríguez fonte:La voz |
|
|